Páxina 7
   
Aldo Rossi
 
 
OS ESPECULADORES EMPEZAN A COMPRENDER QUE A CONSTRUCCIÓN DE CALIDADE RUÍN NON VENDE.
 
     
 
G. LUCA DE TENA
Aldo Rossi
   


Desde o Seminario Internacional de Arquitectura Contemporánea (SIAC), celebrado en Compostela no 76, a especulación foi máis poderosa que a defensa das tipoloxías arquitectónicas que alí se propugnaban.
Pero polo que estou a ver e polo que falo cos meus amigos arquitectos de toda Europa, parece que este momento é mellor que o de hai dez anos. A xente entende que as cidades van perdendo a tradición e hai unha reacción popular. É tamén unha nova actitude nos mesmos especuladores porque empezan a comprender que a construcción de calidade ruín non se vende.

¿Cal foi a influencia do concepto de arquitectura análoga que defendera no SIAC?
O concepto de cidade análoga foi en certo senso precursor da realidade de hoxe. Non é o momento dunha arquitectura realista, do país, da tradición; pero en certa medida hai unha nova arquitectura que non é un international style senón unha visión máis internacional. Os mellores arquitectos de Xapón, Alemaña, Italia e Norteamérica, amosan algo novo, unha mestura de tradicións diferentes dentro dunha semellanza.

¿Non lle pasa hoxe aos estilos algo semellante á diversidade universal dos anuncios da marca Benetton, que de feito é só unha uniformización universal baixo unha mesma marca?
Poría mellor outro parangón. Fixémonos no Palladium do Véneto durante o Renacemento. É un fenómeno do Véneto, pero tamén un estilo en Rusia, en Norteamérica, en Inglaterra e na Francia. Trátase dunha visión pegada a unha tradición concreta pero que se converte nunha grande arquitectura europea. Chega un momento no que non se pode dicir se a obra de Adams ou Neill son mellores no estilo Palladium. Hoxe cualifican moitos proxectos de rossianos, pero como no Renacemento os mellores rossianos están no Xapón ou en Norteamérica, cun estilo preciso e nunha cultura propia.

Hoxe vemos que os materiais novos e o diálogo coas correntes de arquitectura de todo o mundo son as que mellor facilitan o progreso cara o futuro da arquitectura tradicional.
Completamente de acordo. En Norteamérica as últimas torres de rañaceos usan mármore de Carrara ou granito de Italia ou Porriño. Os constructores queren mellor estes materiais que a fibra de carbón, plástico ou concreto. Coido que en certo senso o fracaso da arquitectura modernista (non moderna) do internacional style está mesmo nos estilos de enxeñería, nos materiais que na arquitectura dos anos sesenta. Toda a arquitectura dos anos sesenta esfarelouse; era plástico; non era nada: un soño político, pura propaganda do sistema. E nada durou porque era dunha febleza e dunha precariedade extrema. Agora os edificios de Nova York fanse en granito. Desde o punto de vista especulativo é máis lóxico porque se vende mellor a calidade.

Dende o tempo do SIAC, ¿como ve a conservación das tipoloxías arquitectónicas da Galiza?
Non me parece que a Galiza sexa un caso especial de degradación arquitectónica. Non coñezo ben o caso. Pero onte á mañá estiven en Compostela e non me pareceu que o casco antigo perdese o seu carácter, aínda que os arrabais si. Aquí en Vigo os suburbios están moi mal, pero non teño recordo desta cidade antes.

 
   

Páxina anterior
Páxina seguinte