Dúas propostas do Colexio de Arquitectos de Galiza foron as gañadoras do Premio Nacional de Arquitectura de 2000. César Portela e Manuel de las Casas facíanse co galardón polos proxectos da Estación de Autobuses de Córdoba e o edificio de Ciencias da Saúde construído en Oza. Con anterioridade o premio recaera no arquitecto da Coruña Manuel Gallego Jorreto. Fóra do estrelato dos nomes espectaculares, na Galiza estase a desenvolver unha arquitectura de nivel que comeza a ser reclamada máis alá das nosas fronteiras. Con distintas tendencias e visións da súa profesión, os arquitectos galegos afirman non buscar protagonismos pero demandan que se recoñeza o seu traballo e a necesidade da súa intervención nas edificacións tanto privadas coma públicas e na creación de espacios urbanísticos. Falan así das diferencias entre construcción e cultura, escisión que tan clara queda na evacuación dos veciños de varios edificios de Vigo ante o perigo de derrube das súas casas.
A creación da Escola de Arquitectura e a independencia do Colexio profesional a comezos dos anos setenta son dous referentes unanimemente considerados no novo despunte da arquitectura galega. O decano do Colexio, Rey Pichel apunta que contribuíron a "crear conciencia de que estabamos ao servicio da sociedade, a camiñar cara á sensibilidade colectiva de que o traballo ten relevancia social". O recén galardoado César Portela -que vén de recibir tamén o premio Antonio Palacios de arquitectura en granito- afirma que o nivel galego "non ten nada que envexar ao que se está facendo no resto do Estado" mentres Pedro de Llano considera que a etapa de bonanza actual débese, en boa parte, "a un grupo anterior importante que mantivo a chama nun ambiente hostil que deu nun cambio trascendental no que influiu especialmente a Escola de Arquitectura. Podemos falar agora da incorporación dun interesante e nutrido grupo de profesionais moitos deles formados xa no país".
ARQUITECTURA CONTRA ESPECULACIÓN
Os desaloxos de catrocentos veciños do barrio de Torrecedeira de Vigo polo perigo de derrube das súas casas creadas á calor da máis brutal especulación urbanística dá tamén para reflexionar sobre a diferencia entre a construcción e a arquitectura. "Teñen que pasar anos, pero a sociedade débese concienciar de que canto mellor é a arquitectura, mellor é a calidade de vida" comenta Rey Pichel mentres asegura que os novos marcos políticos e legais impiden que, como antes acontecía, se implanten en obras públicas do noso territorio proxectos elaborados para outros climas e circunstancias. O caso dos colexios nos que chovía a pouco
de seren construídos está na
boca de todos.
O arquitecto Xan Casabella, membro do equipo de redacción da revista Obradoiro, considera que determinados departamentos da Xunta -nótase, ao seu ver, nos centros de saúde e nos comarcais- teñen sensibilidade á hora de se enfrontar con novas construccións pero entende que non é esta unha condición xeneralizada. Critica, por exemplo, a creación "dun organismo chamado SPI que se encarga das direccións de obra co que non se garante a continuidade no traballo de quen elaborou o proxecto". Reclama así que o arquitecto supervise a execución dos seus propios proxectos. "A arquitectura ten que estar preto da cidadania porque é o soporte de vida e conforma a identidade dos pobos. E sorprendente que non teña presencia na prensa ou no ensino" comenta Plácido Lizancos, grande divulgador en toda a súa traxectoria.
No mesmo sentido reivindica Pedro de Llano que "as institucións asuman a arquitectura como cultura, circunstancia que aínda está lonxe da realidade". Entende así que a promoción profesional dos arquitectos -os premios colaboran, di- pode conducir a que a xente "asuma que construír significa criar escenarios de vida. Oxalá fóra arquitectura un 1% do que se fai na Galiza. Os costos non son máis elevados, trátase de construir de maneira culta ou non, e non só nas grandes obras senón tamén en pequenos traballos. As vivendas unifamiliares serviron de tubos de ensaio e nelas se atoparon as anovadoras tendencias arquitectónicas".
Crítica que tamén agroma en boca de Plácido Lizancos: "na Galiza temos bos arquitectos pero só con sacar a cabeza pola fiestra continuamos a ver un panorama desolador. De cada vivenda unifamiliar que se pode mentar existen unhas catrocentas que seria mellor que nunca se tiveran construído".
GALEGA OU DE GALEGOS?
Falar dun momento de puxanza na nosa arquitectura non parece implicar o recoñecemento dunhas liñas diferenciais na obra que están a desenvolver os criadores. Para Rey Pichel "non hai unha linguaxe específica, pero si se pode apreciar certa preocupación pola integración no espacio físico incorporando tamén a linguaxe da modernidade e á adaptación ás tendencias actuais". No entanto, é a liña marcada por César Portela ou Gallego a que máis relevancia pública está a tomar e que Casabella define como "inspirada na cultura tradicional, unha condición que leva, por exemplo, a que das obras de Portela no Xapón se diga que son as que mellor interpretan a cultura xaponesa".
O propio Portela considera que as claves do seu éxitos está na "despreocupación polas modas e responder a necesidades profundas. Levo moitos anos na mesma liña social, política e profesional. Cómpre ter en conta a utilidade para a que se crea o proxecto, o medio no que se ubica e as características climáticas e culturais da zona". A "boa sintonía co territorio, coa cultura propia e a historia da arquitectura son elementos fundamentais para entender que estamos a falar dun producto cultural e non unha mera implantación tecnolóxica" explica Carlos Almuiña.