Páxina 12Páxina 13Páxina 14Páxina 15Páxina 16Páxina 18
 

A vivenda rural na Galicia contemporánea.
Unha arquitectura impactante.

 

PLÁCIDO LIZANCOS MORA
 

Casa en Mato, Taboada (Lugo)

A casa contemporánea destaca –en forma, volume, e cor– na aldea. Na imaxe, Mato, Taboada (Lugo).    


No derradeiro tercio do século XX na Galicia rural levantáronse aproximadamente 240.000 vivendas unifamiliares. Detrás desta crecida cifra hai milleiros de historia humanas en pos dunha vivenda digna.
Este parque inmobiliario –levantado á marxe do que podemos denominar racionalidade oficial– chama hoxe a nosa atención cando a súa presencia é tan notable, que en vastas áreas parece ter esluído a Galicia vernácula.
Xornalistas, conselleiros e axentes de diversa condición analizan agora este fenómeno, deténdose sempre no seu aspecto máis superficial, isto é, na súa estética, que non dubida en cualificarse ramplonamente como "fea", identificando o modo de facer a elas asociado cun suposto estilo "feísta".
Neste artigo vou reflectir –con brevidade– as conclusións da miña tese de doutoramento "As migracións na conformación da casa labrega contemporánea", lida en novembro de 2001 na Escola de Arquitectura da Coruña.

Moitas son as cuestións que nos podemos formular da vivenda que invade todos os recantos de Galicia. A súa estética novidosa, tan distanciada respecto da vernacular é tan só unha delas. Cómpre cuestionármonos tamén en torno ás circunstancias relativas ao uso, ou mellor dito, á falta de uso destas vivendas. Isto é ¿por que na súa maioría permanecen desocupadas grande parte do ano e incluso algunhas non chegan a entrar nunca en uso? Os interrogantes increméntanse cando miramos para o contorno da nova casa, concretamente cando atendemos a súa forma de implantarse no territorio, radicalmente diferente da que veu sendo empregada durante séculos. Sorpréndenos que agora se busque o contraste coa paisaxe e co caserío existente, do que os novos edificios case sempre pretenden distanciarse, mesmo ocupando as terras reservadas pola sabiduría popular á agricultura. Entrar nalgún destes edificios aumenta as dúbidas con mil e unha cuestións deste estilo: ¿Qué explica que dispoñendo a casa de ampla superficie e de numerosas dependencias, o espacio máis utilizado sexa o da cociña? ou ¿por qué a dependencia máis coidadosamente amoblada e decorada da casa –o salón– é con moito a menos utilizada? Ou ben, ¿por qué nalgunhas destas casas, aínda as localizadas en contornos nitidamente agrarios non hai vestixio algún da actividade agraria dos seus moradores?. Pero por riba de todo a interrogante primeira consiste en determinar a personalidade, os gustos, as necesidades e en definitiva os soños do promotor da vivenda. ¿Trátase realmente, tal e como refire o imaxinario popular dun individuo que como consecuencia de ter padecido unha experiencia migratoria en terras lonxanas tería importado directamente a arquitectura na que habita en Galicia de alén das nosas fronteiras?

AS MIGRACIÓNS NA TRANSFORMACIÓN DA VIVENDA
Aquela hipótese de partida na que se presupuña que detrás de cada vivenda contemporánea hai un promotor emigrado resulta parcialmente incerta. De feito comprobamos que realmente quen está detrás de cada unha destas casas son individuos instalados nalgún sistema económico e cultural renovado respecto do tradicional, isto é, individuos transculturizados no máis amplo sentido da palabra.
Outra cuestión é que do conxunto de forzas que teñen provocado a renovación das estructuras socioeconómicas vernáculas a máis repetidamente citada por todos os que describen a nosa sociedade é a progresiva desagrarización do mundo rural. E aquí si que debemos ver a emigración como unha forza motriz de primeira orde.
Deste xeito acabamos de xustificar que non existe unha "Casa do Emigrante" como as nosas hipóteses parecían indicar senón unha Casa Contemporánea, construída por individuos instalados en plataformas vitais renovadas.

A CASA DA GALICIA RURAL CONTEMPORÁNEA
Non existe unha única casa na Galicia rural.
A maior ou menor vinculación da vivenda coas actividades agrícolas permítenos identificar ata tres tipoloxías desta: a arcaica, a involucionista e a rupturista.
A seguir detallamos cada unha destas tipoloxías.

A ARCAICA [1959-1973]
Trátase da casa construída por individuos que tras da súa experiencia migratoria retomaron a actividade agraria que desenvolvían antes da migración.
Esta casa dispón de amplos espacios destinados a gardar os apeiros de labranza, os froitos das colleitas e incluso algúns animais. As novidades son de orde dotacional: aparece agora o gas butano como combustíbel na cocción dos alimentos e a vivenda equípase con instalacións eléctrica e de auga encanada, o que posibilita a disposición dun cuarto de baño.
Os esquemas funcional e espacial non distan moito dos da vivenda tradicional máis alá da busca da clara separación entre as áreas destinadas aos animais e as dos humanos, o que fai multiplicar os seus accesos e organiza en niveis a edificación.

 

 
 
Casa en Rinlo, Barreiros (Lugo)
   
Casa contemporánea de tipoloxia rupturista. Casa en Rinlo, Barreiros (Lugo).
   


A RUPTURISTA [1973-1985]
Foi construída por individuos que tras vivir unha ampla experiencia migratoria non retoman a actividade agraria que desenvolvían antes da migración, aínda que a precariedade laboral que caracteriza á Galicia rural non lles permitirá incorporarse a outros sectores productivos.
Esta ambigüidade hase expresar na vivenda, que perde as dependencias de uso agrícola agora reemprazadas por amplos espacios polivalentes, onde mesmo se poden recoller os apeiros e as colleitas dunha actividade agraria residual como radicar un pequeno establecemento hostaleiro, comercial ou industrial de iniciativa propia.
A chegada da tecnoloxía do formigón armado ao mundo rural, xunto coas novas necesidades que acabamos de relatar conducirán a un modelo espacial que nada ten que ver cos precedentes, circunstancia que parece satisfacer ao usuario, quen enfatiza a imaxe novidosa da súa vivenda empregando cores e texturas rechamantes.

   
Casa en Goriz, Vilalba (Lugo)
   
Casa contemporánea de tipoloxia involucionista. Casa en Goriz, Vilalba (Lugo).
   


A INVOLUCIONISTA [1985- ]
Foi construída por individuos que tras dunha dilatadísima experiencia migratoria retornan a súa terra para descansar ou xubilarse.
A vivenda transfórmase agora nun artefacto meramente residencial, no que a abundancia de espacio e a dotación de instalacións sofisticadas fálanos da querencia do seu usuario polo confort.
A nova vivenda escapa da imaxe rechamante da tipoloxía precedente, buscando o sosego que brindan os materiais tradicionais, se ben utilizados agora nos seus formatos industrializados.
Por outra parte o dominio do oficio e a experiencia que xa conseguiu o constructor rural xunto coa forte capitalización do promotor facilitarán a realización de edificios de grande e complexo volume. Funcionalmente a casa acusará a desaparición das dependencias relacionadas coas actividades agrarias, mostrando un programa complexo no que abundan os espacios estanciais. Podemos comprobar tamén que a elevación dos estándares de confort e intimidade ten provocado a subdivisión das áreas de descanso e de hixiene ata a individualidade.


   
A cociña non é unicamente o lugar de preparación dos alimentos.
Comedor
   

 

AS FONTES DA CASA
Outra das cuestións a precisar da nosa casa é aquela que ve nas súas novidosas formas un producto de procedencia foránea.
Esta hipótese debémola desmentir con rotundidade pois comprobamos que os promotores procedentes do estranxeiro, incluso os chegados do mesmo país constrúen en Galicia arquitecturas que non teñen nada que ver entre sí. Na mesma orde de cousas podemos verificar o argumento inverso, isto é, que arquitecturas semellantes non se corresponden con promotores sometidos a situacións vitais similares.
Así pois os escasos exemplares das arquitecturas que formalmente puideran ter vinculación directa coas propias doutros países deben ser consideradas unha mera anécdota.
A estética da casa é o producto da mestura de imaxes parciais entresacadas de mil e unha fontes, procedentes das máis variadas orixes: a tv, as arquitecturas urbana e suburbana e –xa no caso dos emigrantes– da migración. Isto é, tanto do lugar de destino, nalgún dos puntos do traxecto migratorio, incluíndo aquí as polucións atribuíbeis aos compañeiros no destino (turcos, polacos, etc.).

TRADICIÓN E MODERNIDADE BAIXO O MESMO TEITO
Dende un punto de vista estrictamente cronolóxico as vivendas obxecto ás que nos estamos a referir son contemporáneas xa que foron levantadas no derradeiro tercio do século XX. Aínda así compróbase que a morada está inzada de invariantes arcaicos, extraídos directamente da tradición vernacular, afectando ós ámbitos funcional e tecnolóxico da vivenda.
No aspecto funcional a organización da casa revela con frecuencia pautas de vida tradicionalistas, aínda desenvoltas –como sempre se fixo– na cociña a carón do lume e da recén chegada televisión, ou organizando as relacións suprafamiliares en torno á comensalidade ritual, para a que se dispón, case de maneira sistemática, de amplos comedores. Tamén a persistencia na casa contemporánea do salón –un espacio con vocación de nobreza, ricamente amoblado e decorado– reservado para as celebracións excepcionais evócanos pautas de uso premodernas.
Podemos ler a modernidade da casa na incorporación de sofistificadas instalacións e equipamentos. Pero tamén identificamos o arcaísmo na pervivencia, xunto ao elemento moderno do seu equivalente vernáculo. Así pois non nos sorprende encontrar na cociña fogóns eléctricos, de butano e incluso fornos microondas convivindo coa cociña tradicional de leña e incluso coa lareira, da mesma maneira que encontramos modernas lavadoras e secadoras –traídas quizais na equipaxe do emigrante– á beira de pilóns e tendais.
Tamén dende o punto de vista tecnolóxico a casa contemporánea é un producto arcaico xa que se ben nace da utilización de materiais de construcción industrializados, a execución e a xestión da obra realízanse conforme as tradicionais pautas de autoconstrucción, sendo a vivenda concibida como un obxecto resultante da acumulación permanentemente inconclusa de esforzos.
Así pois o levantamento da casa segue a ser unha operación que involucra a toda a comunidade local e á familia, recorréndose aos especialistas unicamente para resolver as etapas de meirande dificultade, como por exemplo a estructura, a cuberta e as instalacións. De igual maneira o financiamento da obra revela certo anacronismo xa que esta é unha cuestión ante a que o grupo familiar raramente recorre a fontes alleas o que provoca con frecuencia que deba fragmentarse a execución do edificio para axeitala ás disponibilidades económicas familiares.

 

   
Comedor
A vivenda acolle actividades ceremoniais. Comedor dunha casa en Celtigos, Sarria (Lugo).

 

Por outra banda o deseño da casa –ao igual que ocorría no mundo tradicional– segue a corresponderlle ao promotor do edificio quen recorre ao especialista –este é o arquitecto– para resolver unicamente as cuestións que non domina –tal é o caso do cálculo da estrutura e de toda a burocracia relacionada coa execución e a posta en uso do edificio.

ESPELLO DA SOCIEDADE
Como colofón de todo o que acabo de dicir, estou en condicións de afirmar que as tres tipoloxías de casa contemporánea das que acabo de analizar non son máis que a expresión da nova vivenda popular de Galicia nacida, como este adxectivo indica, á marxe das canles sociais, técnicas e culturais profesionais.
A casa contemporánea transformouse –e segue a transformarse– e os seus cambios non son máis que o espello no que se reflexa a sociedade galega. Explícase así que a casa rural na contemporaneidade teña perdido a súa condición de sede da empresa familiar agraria para transformarse no lugar onde reside un grupo familiar, que desenvolvendo as súas actividades fora do fogar fan da vivenda un lugar destinado exclusivamente á reposición da forza de traballo.

 

Casa en Salcedo, O Caurel
A nova vivenda emprázase en lugares tradicionalmente reservados á agricultura. Na imaxe: casa en Salcedo,0 Caurel.

 

Somos testemuñas agora dun novo episodio na historia da vivenda en Galicia. Un episodio que se produce non por evolución dos modelos preexistentes senón por ruptura con eles de aí a súa estética e a implantación rechamantes. Nesta orde de cousas o innegable impacto que sobre o territorio e o caserío das vellas aldeas ten producido esta arquitectura é consecuencia directa do quebro do modelo tradicional de convivencia do home coa natureza que lle daba sustento. Aínda así verificamos que esta casa é vernácula xa que conserva pautas de uso e xeitos de xestión e de execución da obra nitidamente tradicionais. Neste proceso, de tan amplas repercusións, os promotores da vivenda estiveron sós. Ninguén interveu na organización, dirección ou tutela das 240.000 vivendas que os galegos levantamos no agro (e dos milleiros de construccións vernáculas que, nesa mesma viaxe, abandonamos ou derrubamos).
Todos –desde o conselleiro que agora se alarma ó xornalista que fala de "feísmo"– somos coautores deste novo patrimonio. Uns son os autores materiais, isto é evidente. Pero tamén o son os técnicos, que non souberon dotar de racionalidade a un modo de facer necesitado dela e as entidades financeiras, que contribuíron a soterrar os aforros de milleiros dos nosos paisanos en operacións tan antieconómicas como levantar as vivendas que habitan esporadicamente.

 

Dormitorio
Nos setenta o mercado dos materiais de construcción acada o mundo rural. 0 construtor rural non dubidará en utilizar
o que o mercado Ile ofrece. Dormitorio dunha casa de 1976 en Adina, Sanxenxo, por un retornado de Francia.

 

Na ampla lista de coautores ocupa un lugar senlleiro a administración a todos os seus niveis, desde o conselleiro que ignorou a realidade durante lustros ao munícipe con intereses localistas.
Así as cousas, o promotor da casa rural é verdugo pero tamén víctima. Unha víctima que estragou a súa vida –enriquecendo entre tanto a moitos– para levantar a vivenda que el considerou digna e que agora algúns –sen entender do que falan– chaman FEA.
Na década dos vinte os nosos avós tamén clamaron contra as agresivas casas dos indianos. Unhas casa que por certo hoxe veneramos.

Páxina anterior
Páxina seguinte