Volta o Sitio da Arquitecturagalega na Rede
Despois dun longo período de inactividade no web (por volta dun ano e medio, aproximadamente), volvemos para tentar activar os contidos e movementos xerais deste Sitio de novo.
Neste tempo moitas cousas mudaron. Mudou o mundo en xeral, mais tamén a Arquitectura en particular. Mudou a Galiza, e mudou a súa sociedade por vía dun camiño deica ningures, prexudicial para todos e todas. Nunca se viu que unha sociedade rexeitase a igualdade, a liberdade para calquer de nós, e non só para unhas minorías que decidiron escoller e impoñer un suposto dereito á ignorancia, e todo iso dende a propia base. Nunca se xogou de maneira tan irresponsábel coa educación. Nin co patrimonio. Nin co futuro.
Por iso é tempo de traballar en oferecer o noso pequeno grao de area para tentarmos reverter ese camiño errado cara ao abismo que decidiu moita xente, for por preguiza, descoñecemento ou quen sabe por que razós, mais que compre poñer en valor. A única maneira de decidirmos en liberdade é coñecermos todas as opciós, todas as realidades e non só as que nos impoñen, mesmo agachados tras dun decorado de espello no que se reflicte a verba 'liberdade', mais só como unha miraxe, unha realidade invertida ao modo que fan os espellos.
E tamén na Arquitectura.
Materialmente e no presente podemos falar dun novo deseño, mais tamén da recuperación e conservación do vello sitio. Do futuro? Aos poucos iremos facendo camiño, mais camiñando por vieiros propios e non polos que nos marquen os demais, que é como debe facerse... Seguramente haberá puntos nos que coincidirmos (malia que moita xente se empeñe en eliminalos ao prezo que sexa) mais se non for así non imos ficar parados por iso, hai terra, hai materia, hai pasado e, agardemos, haberá futuro.





