- Comezo
- Lista de Novas
- -----------------------
- Contacta
- Sitio Antigo
- O Adro (Foro de Mensaxes)
- -----------------------
- Proxecto Asociado coa CiberIrmandade da Fala
Progreso ou desfeita?
‘El único que puede paralizar esta obra es el alcalde y no lo he hecho porque Oia tiene que mirar al futuro, no al pasado, y unas piedras no pueden ser un obstáculo para que se pueda producir o no’ (alcalde de Oia, xustificando a destrución de milenarios petroglifos para deixar sitio a unha plantación de kiwis amarelos...)
Na Galiza ten habido tanta falcatruada no que respecta ao exterminio do Patrimonio que a idea é que pouco sorprende xa máis unha. Porén, este universo non ten límites e a xente encirra-se en rachalos como sexa, e se en Vigo andan a derrubar todo aquelo que teña un pouco de historia ou de carácter, ou o círculo lítico da Mourela acabou a rolos pola vía da insensibilidade, agora a cousa vai 'in crescendo', máis, por riba, con xustificacións tan alucinantes como a que encabeza este texto.
É ben sabido que , na Galiza e por razóns moi estudadas e procuradas, aínda que pouco atopadas e menos coñecidas aínda, hai unha tendencia á auto-depredación. Extermínase todo o que haxa de riqueza cultural e patrimonial. As mámoas, ao círculos líticos, os depósitos arqueolóxicos en xeral, a historia, o idioma... Máis na meirande parte das ocasións facíase con nocturnidade, ás agachadas, e con tino de non alertar á opinión pública en exceso (mesmo neste caso xa se ocuparían os medios afíns de silenciaren o tema), máis desta vez só faltou facer unha romaría popular e instaurar a festa do petroglifo escachado para celebrar con unha abondoso paparota e presenza de persoeiros e famosiños/famosetes tal evento.
E todo polo progreso. Manda carallo! Cando un revisa o dito polo alcalde oiense, i.e. ‘unas piedras no pueden ser un obstáculo para que se pueda producir o no (mirar al futuro)’ treme pensando nas posibilidades da aplicación extensiva de tal mensaxe:
- Que queremos construír un acelerador de partículas na Galiza? Pois que mellor sitio que o espazo que agora ocupan as Murallas de Lugo, total son catro pedras vellas.
- Que faltan hoteis en Santiago? Pois derrubemos a Catedral e todos eses edificios vellos e pasados de moda e construamos unha Cidade da inCultura continua.
- Que precisamos dunha grande antena de telecomunicacións? Pois nada, chimpamos abaixo a Torre de Hércules e alí mesmo.
E así até arrasar con calquera cousa que poda darlle un ar propio e diferencial á Galiza. Agora mesmo en proceso co idioma e, polo visto, tamén co Patrimonio xa sen escusa ningunha. Seica cumpre limpar de ‘pedras vellas’ todo o territorio galego.
Máis, que irá acontecer cando todo estea limpo de ‘pedras vellas’? Pois ben, penso que xa o podemos ir comprobando. Temos unha arquitectura cada vez máis descontextualizada e que no canto de ir na procura da calidade vai no camiño que marcan os outros. Aplicamos solucións alleas que non funcionan no noso País e así a ordenación do territorio vai desartellando núcleos, non só físicos, máis tamén sociais. Pode que a Arquitectura non sexa xa ‘salvadora’, máis si é ‘condenatoria’ se se aplica sen xeito nin modo.
Contodo, é a ‘espectacularidade’ a que manda, e mesmo (iso xa é a culminación) en arquitectos que moito criticaran tal opción, seguramente con responsabilidade compartida pois non debemos esquecer que a Arquitectura fai-se con axuda de moitos outros colaboradores (incluídos tamén os usuarios finais) e que, por tanto, a culpa ou o mérito do que resulte é sempre de todos.
Porén, o ‘novo’, esa fuxida das ‘pedras vellas’ non ofrece nada que poña á Galiza na cabeceira do mundo. Quere dicir, que o que se faga aiquí en relación a todas esas novidades remata por ser un remake do que xa hai fóra, e ao único que contribúe é ao mantemento dunha Galiza periférica, secundaria. Tamén en Arquitectura.
Porque, volvendo aos kiwis. Que necesidade había de estragar esas ‘pedras vellas’? Que van ofrecer eses kiwis amarelos que non ofrezan os xa existentes no mercado? Probabelmente rematen con prezos irrisorios que obriguen a fechar a plantación e, entón, alá iran os postos de traballo os kiwis e as ‘pedras vellas’. E todo para nada. Ben, para degradar aínda máis as posibilidades de futuro da comarca e do País enteiro.
Mesmo botándolle, non xa imaxinación, máis senso común: porque non musealizar os petroglifos e o resto de achados arqueolóxicos que, parece, están por aparecer? Non imaxinou o sr. alcalde de Oia o que sería comercializar unha marca de kiwis co petroglifo impreso como marca nas etiquetas? Imaxinan facelo centro de peregrinaxe turística? Produción agrícola experimental e cultura. Sumar no canto de restar. Iso serían bastantes máis postos de traballo.
Non quero nin pensar que acontecería se as Covas de Altamira estiveren na Galiza, máis tremo coa idea...
Referências:
"Oia permite arramplar cun depósito rupestre para a plantación de kiwis"
"A aparición de restos dun antigo asentamento romano obrigaría a unha escavación."
"Unha explotación de kiwi arrasa un depósito arqueolóxico en Oia"





