- Comezo
- Lista de Novas
- -----------------------
- Contacta
- Sitio Antigo
- O Adro (Foro de Mensaxes)
- -----------------------
- Proxecto Asociado coa CiberIrmandade da Fala
Dá que pensar
Hoxe mesmo vin unha noticia no web do Faro de Vigo que me fixo reflexionar un intre. A nova en cuestión (http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2011/04/13/arquitectura-gallega-pasando-momento-dramatico/535457.html) aproveita para facer un pouco de reflexión sobre o 'momento dramático' dos arquitectos na Galiza (non sei exactamente que terá a ver a Arquitectura Galega cos arquitectos da Galiza, tal e como están as cousas, máis ben... iso é outro asunto).
Coa escusa da saída do actual decano do COAG, fálase moi por riba do tema, verdadeiramente sen afondar ou ofrecer nada novo sobre a crise da arquitectura na Galiza, que tipo de crise, ou cales foron as causas da mesma, máis hai un treito do texto que realmente dá moito que pensar. Pensar en por que se están a facer as cousas como se están a facer, a quen benefician e como é posíbel que ninguén se decate do camiño sen destino polo que andamos.
É tópico. Cando hai crise os galegos emigran, máis parece que cando non hai tamén... e aínda temos que ler cousas como esta:
‘Y no hay que olvidar que emigra siempre el que está en mejores condiciones, es como una ley de vida, emigran los más fuertes, los que reúnen mejores condiciones para sobrevivir.’
Incríbel! A explicación en calquera país normal é a contraria: a xente mellor preparada fica nos postos de maior responsabilidade, mentres os máis febles que non poden encontrar o seu sitio teñen de marcharen fóra, a procuraren novas oportunidades. Porén, agora resulta que na Galiza é ás avesas... E por que iso? Talvez porque os máximos responsábeis de xestionar os destinos do País (e falo de todos os organismos, tamén o COAG) están a facer un traballo tan ruín que conseguiron virar as tornas da lóxica? De que serve proscribir o galego ou calquera outra manifestación de Cultura autóctona sob a escusa de asi ‘facilitar la llegada de los mejores profesionales’ se resulta que a realidade é a contraria?
Semella que as cousas non teñen máis sentido que o de obedecer a orde estabelecida. unha orde na que non se lle permite máis cousa á Galiza que a de a dependencia e subsidiariedade. unha colonia moderna, fornecedora de man de obra, cualificada nalgúns casos e cuxa marcha xustificamos agora desde o propio País. E tamén na Arquitectura...
Ou será que xa chegamos ao nivel de sub-País e sub-Arquitectura? É posíbel.





