Contidos
Procura
Lista de Novas
Galego (NH)Galego (Ñ)
Início

Arquitectura Virtual – Arquitectura Ceibe

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

Cando falamos de Arquitectura estamos a falar dun concepto moi amplo. Estamos a falar dunha realidade que abrangue un campo práctico, teórico, de expresión, de vida, de territorio. De case que todo.

Non é posíbel proxectar sen antes ter unha visualización do que se pretende, primeiro escolmando os materiais, as ideas, as realidades, o contorno, as dispoñibilidades e artellando con todo iso unha resposta. Mais esa resposta pode ficar ‘no papel’ unicamente, como se adoitaba dicir antes, pois a falta de recursos pode levar á non materializar o proxecto e non pasar do estadio diso mesmo: só un proxecto.

Con todo, que unha obra arquitectónica non chegue a se construír, a converterse en materia palpábel, non significa un fracaso do proceso proxectual. Ben sabido é que moitas das obras senlleiras da Arquitectura poden ser consultadas só no papel, mais en moitos dos casos foron alicerce para a creación posterior de proxectos que desenvolveron cuestións alí expostas e que si foron levados a cabo.

É claro, pois, que un proxecto ‘en papel’ ten o vantaxe da súa absoluta liberdade, é un proxecto ceibe que non ten por que verse afectado por condicións non desexadas e depende das ganas do propio proxectista para crear o que quere, e máis nada...

Historicamente sempre se lle concedeu unha importancia extrema aos proxectos ‘en papel’, por veces utópicos, mais sempre expresión dunha maneira de pensar e de propor o futuro. Porén, semella que actualmente esa vía de proposta, de investigación vai decaendo. A crise, económica, mais tamén intelectual están no cerne da cuestión. Todo axuda. Quen vai querer perder tempo nunha actividade sen contrapartidas económicas na meirande parte dos casos?

Na Galiza temos bos exemplos das dúas situacións, da creación histórica con casos ben en destaque (probabelmente todos os arquitectos galegos pensaron a súa Galiza en papel, propuxeron camiños para mellorar a sociedade, o territorio, a vida...), mais, ao tempo, na actualidade tamén é paradigmático o desleixo e a adaptación acrítica ao que sexa. Mesmo alentado dende instancias oficiais vénse colaborando co desmantelamento cultural e patrimonial da Galiza ordenada e planificadamente.

E non deixa de ser curioso que na actualidade aconteza tal cousa, nunha época dourada da virtualidade, na que aos medios tradicionais se lles xuntan as novas posibilidades electrónicas/informáticas. Ás técnicas manuais, á acuarela, ao lapis, collages, pasteis, carbóns, etc. súmanse as posibilidades que ofrecen os computadores cos programas de simulación de escenarios virtuais. Podería ser o tempo da liberación dos/das arquitectos/as. Un tempo con millóns de propostas virtuais, que deberían preceder a un establecemento de procesos que acadasen a aplicación das mellores solucións desas propostas, fóra de xerarquías non gañadas por mor dunha meritocracia baseada no traballo de cadaquén.

Mais tamén é correcto que as ferramentas sempre tiveron un custo, en moitas ocasións inasequíbel para moita xente. No entanto, os últimos tempos as cousas foron variando, até chegarmos a un punto onde esta historia ficou redefinida grazas a multitude de persoas con esperanza en mudaren o mundo aparentemente inmutábel, que ofreceu e ofrece o seu traballo á comunidade mundial creando xoias que puxeron ao servizo de calquera que teña interese en empregalas como o Blender (para a modelización en 3D) e o Yafaray ou o Luxrender (creación de imaxes fotorrealistas dos escenarios modelados co Blender).

Malia as eivas que se lles poidan atribuír os resultados son dunha calidade altísima e a relación calidade/prezo é tendente para o infinito. Sen menosprezar ningunha outra solución, mais é unha recomendación moi axeitada.

As mostras dos traballos (algúns absolutamente xeniais) pódense visitar nas galerías ou foros dos sitios oficiais do Yafaray e o Luxrender, mais para termos unha visión de conxunto é recomendábel facer unha visita, por poñer un caso, ao web de Allan Brito, onde imos atopar consellos, propostas, etc. non só sobre os aplicativos dos que estamos a falar, mais tamén sobre calquera outro de utilidade para a profesión de arquitecto (e non só). Xa vedes, mesmo, que os contidos son moi interesantes e moi doados de comprender, sexan texto ou vídeo, para quen teña un mínimo coñecemento do galego (quen falou de que o galego non é útil?).

Por último, canto aos resultados do sotfware citado, se ben é correcto que cumpre moita práctica para obter imaxes de calidade (contodo, tamén cumpre para outras ferramentas) mesmo cun pouco de experimentación é posíbel comezar un camiño interesante como nas miñas probas con Blender+Yafaray:

No futuro volveremos para o tema e miraremos de afondar nel. E noutros moitos...

 

Creative Commons License
O Sitio Web da Arquitectura Galega de José Antonio Cidre Bardelás oferécese sob a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir sob a mesma licenza. 3.0.