|
Verbas Dicionario |
| O Dicionario ten: |
| 319 | Verbas en Galego |
| 211 | Verbas en Castelán |
| 206 | Verbas en Catalán |
|
|
Quen está conectado? |
|
Temos 1 convidado conectados |
|
O estudio de calquer tipo de actividade sempre debe comezar por analizar os condicionantes externos que poden afectar a mesma como unha forma de principiar a entender a súa xénese e posterior evolución.
No caso da Arquitectura tamén resulta imprescindible o coñecemento deses aspectos externos que condicionan o seu desenvolvemento e mesmo a súa creación. É dicir, convén estudiar previamente o contexto no que transcorre a actividade arquitectónica e principalmente naqueles aspectos que sexan máis definitorios. O contexto galego sempre influíu decisivamente na creación das distintas construccións que se espallan por todo o territorio, ben nas da Arquitectura sen arquitectos como nas da Arquitectura "culta", e ás veces cunha presión sobre o proceso impensable noutros lugares de maneira que mesmo chega a definir o carácter da edificación frecuentemente. Dentro dese contexto podemos distinguir principalmente tres ámbitos: - o entorno xeolóxico, prácticamente invariable ó longo do tempo;
- as condicións climáticas, cunha evolución lenta e poucos cambios;
- os condicionantes socio-culturais, onde si que se dan amplos e ás veces contradictorios cambios de gran importancia, os cales afectan principalmente á Arquitectura sen arquitectos.
Con respecto ó terceiro apartado, podo citar unha anécdota persoal que mostra o cambio desas consideracións socio-culturais e a nova mentalidade máis "cosmopolita" da poboación rural que afectou moi negativamente ás construccións vernáculas en todo-los currunchos de Galiza. Concretamente, facendo unhas fotos fai tempo nunha das casas da miña familia buscando a fachada máis "pura" a pesar de que o aluminio xa invadira os ocos da mesma desvirtuando en gran parte o seu carácter, o seu dono ó ver o que facia recomendoume fotografiar mellor a fachada traseira ("eche máis bonita, porque é nova", díxome), unha fachada revocada con morteiro de cimento e por suposto fiestras e portas de aluminio que conseguiron ocultar a orixinal textura de cachote e o seu carácter, de forma que resultaba imposible pensar que tras dela, ata fai pouco tempo na cociña situábase o lume no medio da estancia enriba da lareira como se facía dende tempos inmemoriais. Posteriormente tamén desapareceu a lareira substituída por unha cociña de ferro (e por suposto a de butano ó seu carón), e se lle engadíu un andar á casa das mesmas características que a fachada posterior, no que nembargantes lembro unha continuidade espacial en sentido vertical que recreaba un espacio do fume fora de lugar, un dobre espacio sen sentido. O dono da casa quedou sen entender porque eu prefería a parte vella da casa, e eu quedei sorprendido ó ver como as mesmas persoas que crearon unha construcción perfectamente integrada no entorno podian despois desfacer ese encanto construindo sobre ela co mesmo convencemento (ou ainda máis) de que o que facían era o mellor que podían facer.
O entorno xeográfico.Dentro do entorno xeográfico podemos incluir en certa forma tamén os aspectos xeolóxicos que poden influir na construcción, principalmente no que respecta á existencia de tipos de terreo aptos para unha cimentación básica sen alardes tecnolóxicos que evitase problemas constructivos, pero tamén no referente á existencia dos materiais pétreos que se usaban na confección das edificacións definindo a textura e con ela certa uniformidade da Arquitectura dunha zona determinada, debido fundamentalmente ás dificultades de transporte que ata fai relativamente pouco tempo impedían a "importación" de materiais constructivos doutros lugares. E estas dificultades de transporte teñen que ver coa dificultade de establecer unha rede de estradas adecuada que dése acceso a tódolos puntos do país, debido a peculiar morfoloxía da paisaxe en Galiza, de tal forma que esta situación ainda perdura hoxe en certos lugares. Así, o relevo en Galiza é certamente montañoso pero non resulta en ningún momento abrupto, senón que pola contra caracterízase por presentar transicións suaves entre as distintas cotas de terreo, favorecendo de este xeito a aparición de multitude de zonas con microclimas propios axeitados normalmente á vida labrega xunto co cultivo agrícola. Nembargantes, estas zonas non resultan ser de amplas extensións polo mesmo motivo que dixemos antes, é dicir, a abundancia de accidentes topográficos que si ben como xa comentamos non son importantes en termos de altitude si son numerosos. E é precisamente esa limitación destas zonas o principal motivo do tradicional espallamento da poboación rural en Galiza, en pequenos grupos de habitantes pero moi abundantes, que axudarán a definir non só o carácter da Arquitectura destes lugares senón que (eu penso) que mesmo definen o carácter das xentes que dela fan uso. As condicións climáticas.Cando os métodos de control ambiental son escasos e a tecnoloxía constructiva pouco avanzada, a mellor resposta para disminui-los efectos do clima é crear formas que se adapten a él. Este é o caso de Galiza, onde se dan as premisas que comentamos ó principio, co que ás tipoloxías xurdidas en cada zona dependen en gran parte do clima ó que teñan que adaptarse. E o clima, ou máis propiamente dito o microclima está definido pola situación do territorio. Non é o mesmo por exemplo o entorno climático nas zonas costeiras do sur que nas zonas de montaña de maior altitude que se podan atopar no pais. Evidentemente éstas últimas rexistran unhas temperaturas e condicións meteorolóxicas en xeral máis extremas (tanto no verán como no inverno) que xeran un tipo de Arquitectura máis introvertida, pechada en sí mesma, mentres no outro extremo dos microclimas costeiros máis compensados ou suaves existe unha maior vontade de buscar o exterior abríndose cara a él. O que resulta bastante común en tódalas zonas é a abundancia de precipitacións que tamén teñen a sua importancia "definitoria", si ben últimamente parece disminuir a frecuencia das mesmas. Esto resulta decisivo para o conxunto da edificación, pero especialmente nos ocos da fachada e na cuberta adoptando solucións que desaugan por xeometría máis que pola propia impermeabilidade do material. Os condicionantes socioculturais.A cultura e a forma de vida en Galiza é realmente un dos feitos que máis diferencia o seu habitante de case que calquera parte do mundo. Resulta curioso ver como históricamente a relixión dirixíu prácticamente tódalas actividades do habitante rural, e ainda hoxe algún crego goza de maior poder cós políticos locais. Nembargantes dentro de esa relixiosidade agóchanse multitude de cerimonias paganas que perdurararon en gran parte ata os nosos días. En Galiza as lendas adquiriron estatus de realidade para todos, mentres os habitantes "invisibles" da natureza convivían de cote coas xentes dando lugar entroutros a aquel dito que considera que si ben "Deus é bo, o diaño non é malo de todo". Os cruceiros mesturados con serpes (consideradas como un dos símbolos do demo), as lendas de mouros, os contos de acontecementos sobrenaturales e mesmo a forma de vida habitual resultan da materialización de esta forma de pensar. Estes aspectos influen no carácter das xentes, e tamen polo tanto na Arquitectura que éstas crean e utilizan. Pero ademáis móstranos que os costumes da Idade Media chegaron case que intactas deica hoxe e con elas, tamén as formas de construcción asociadas as mesmas. Sen embargo, a recente revolución causada polos medios de comunicación (estamos na era da información) permite que as ideas se espallen con rapidez e amplitude, chegando tamén a Galiza e producindo un avance tan rápido tanto da sociedade como da cultura propias que mesmo chega a producir contradiccións extrañas. Concretamente, as xentes teñen acceso máis sinxelo a información acerca doutras culturas e formas de facer, o cal unido ó tradicional desprecio polo propio que desgraciadamente ten gran parte da poboación galega levaos a implantar formas externas fora de lugar que ainda creendo que resultan mellores que as do pais o único que logran e desvirtua-la paisaxe e funcionar de forma pouco axeitada ó entorno.
 Páxina creada por José Antonio Cidre Bardelás en xullo de 1998. |
|
|
Última actualización ( Venres, 17 de Xuño do 2005 )
|
|
|