Bandeira: CiberIrmandade da Fala
Inicio arrow Historia da Arquitectura Galega arrow A Nostalxia
Luns, 06 de Outubro do 2008

A frase do día: O silenzo do envidioso está cheo de ruidos. (Khalil Gibran)





Menú Principal
Inicio Inicio
Que é ArquitecturaGalega.net? Que é ArquitecturaGalega.net?
Historia da Arquitectura Galega Historia da Arquitectura Galega
Arquivo Arquivo
Banco de Imaxes Banco de Imaxes
Diccionario Diccionario
Adro (Foros de mensaxes) Adro (Foros de mensaxes)
Arquitectura Destrutiva Arquitectura Destrutiva
Ligazós Ligazós
Contacto Contacto
Suscríbete á nosa Lista de Novas Suscríbete á nosa Lista de Novas
Cancela a túa Suscrición á nosa Lista de novas Cancela a túa Suscrición á nosa Lista de novas
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
Taboleiro de Anuncios Taboleiro de Anuncios
Consulta tódalas novas publicadas Consulta tódalas novas publicadas
Sitio Antigo de ArquitecturaGalega.net Sitio Antigo de ArquitecturaGalega.net
Proxecto Asociado a:
CiberIrmandade da Fala CiberIrmandade da Fala
Verbas Dicionario
O Dicionario ten:
319 Verbas en Galego
211 Verbas en Castelán
206 Verbas en Catalán
Total de Ligazós
7 Categorías
91 ligazóns
Quen está conectado?
Temos 1 convidado conectados
PDF Imprimir Correo-e
 


Así foi pasando o tempo e a evolución silenciosa da Arquitectura mais vernácula seguiu fora da consideración tanto dos arquitectos como dos promotores das obras, ata que a nacente burguesía galega reclamará un novo estilo que diferencie as súas construccións das habituais da nobreza, e todo eso xunto coa crecente importancia dos nacionalismos fai xurdir un movimento que tenta recuperar os caracteres propios do vernáculo en Galiza, nas artes e tamén na Arquitectura por suposto.

Tódolos arquitectos prácticamente producirán obras deste estilo con mais ou menos fortuna. A maior parte farano desde un punto de vista "pastichista" usando elementos da Arquitectura tradicional fora de contexto e como mero engadido decorativo.

Nembargantes tamén certos arquitectos fuxiron do "pastiche" e partiron do estudio e da reinterpretación das construccións vernáculas, creando unha Arquitectura con aspecto de "propia" para todos os galegos.

Un deles foi Antonio Palacios Ramilo nacido no Porriño en 1874 nunha familia direitamente relacionada co mundo da construcción (o seu pai, madrileño de nacemento pero fillo dun santiagués, era axudante de obras públicas). Na súa xuventude (durante os seus estudios de Arquitectura principalmente) recibíu a influencia dos debuxos e escritos de Viollet-le-Duc e sempre sentíu unha grande admiración por Antonio Gaudí. Sería precisamente esta admiración a que lle faría adoptar unha postura experimental e investigadora en canto ás formas tradicionais e ás posibilidades expresivas dos materiais formulando así unha Arquitectura creativa e orixinal de corte expresionista e lonxana ao temido "pastiche" ou copia mimética. A súa obra pois pode definirse como un acontecemento artístico basado nun estudio crítico previo e unha reinterpretación de materiais, elementos e ambientes, organizados de forma que recuperan e recrean as ideas vernáculas.

O inicio dun rexionalismo moi particular na obra de Antonio Palacios garda indubidables relacións co mundo da escultura e pintura. Nas primeiras décadas do presente século iníciase unha opción que enmarcada dentro da arte académica e costumista pretende unha plástica peculiarmente galega. Non achegará novidades e centrarase na temática que tende a destacar aquelas imaxes consideradas como típicas de Galiza. Os artistas que se acercan a esta opción tentará concretar obras de grande calidade artística con permanencia de técnicas e conceptos tradicionais, non comezando a renovación e acercamento ás correntes da vangarda ata o final da década dos vinte.

Ao parecer, Antonio Palacios pertencéu dende o primeiro momento ó grupo de artistas que divulgarán esta opción mediante exposicións colectivas baixo o epígrafe "Arte Gallego" nas principais cidades galegas ademais de Madrid, Montevideo e Bos Aires. O seu interese por unha arte esencialmente galega está relacionada coa sua práctica pictórica privada da que queda constancia nas coleccións privadas, no Museo de Pontevedra e no Mosteiro de Poio.

En 1923 na mostra da Coruña están presentes no comité organizador Palacios e González Villar e aparece baixo o epígrafe de "Arte Gallego" a Arquitectura. Nunha das bases da convocatoria desta edición solicítase a presentación de traballos sobre construccións antigas e modernas coas que formar un catálogo de arquitectura galega. Este foi o principio, pero nos seguintes certames a Arquitectura está cada vez mais presente. Así, en 1924 en Vigo na Escola de Artes e Oficios, e en Santiago no 1926 exhíbense proxectos de Rafael González Villar. E na de Madrid do 1928 organizada polo xornal "El Heraldo" expoñen o xa citado, ademais de Antonio Palacios, proxectos e bosquexos de Arquitectura rexionalista. O interese de Palacios por concretar unha plástica peculiarmente galega lévao a propoñer a súa exposición permanente, e así, no estudio que publica na prensa viguesa para converte-lo Hospital Real de Santiago en luxoso hotel, reservaba un dos patios para unha exposición estable de arte galega. Posteriormente incluso xestiona en Santiago xunto con Alvarez de Sotomayor e Llorens a posibilidade de instalar unha exposición permanente de arte rexional no pavillón da Alameda. Tamén tentará impulsar a creación dun Museo de Arte Rexional no Museo de Castrelos en Vigo chegando incluso a proxectar a distribución interior do mismo que non chega a inaugurarse polo inicio da Guerra Civil.

Fora desta actividade social, as obras rexionalistasde Palacios preséntase unha primeira parte mais historicista baseada no mundo medieval galego e unha segunda na que (dentro do contido medieval) depura a ornamentación e concede unha gran importancia á textura do tradicional muro de cachoteria que amosa unha forte expresividade. A monumentalidade sempre estará presente nas suas obras (moitas delas entregadas de forma gratuíta, en cumplimento das suas ideas) como un método de convertilas en puntos referenciales das vilas, usando referencias medievales sen intencionalidade arqueolóxica e experimentando sempre coas posibilidades dos materiais (utiliza por exemplo bloques de pavés, un material moderno e estandarizado nas vidrieiras do Templo de Panxón en Nigrán). O xogo de texturas (sobre todo a do cachote de granito) e cores será unha constante na súa obra.

Palacios morre o 1945 en Madrid e os seus restos foron soterrados (como sempre quixo) baixo un penedo granítico das canteiras de Vila Fría no que un canteiro local gravou a pico: Antonio Palacios - Arquitecto.

Outro destacado membro e impulsor desta corrente foi Manuel Gómez Román, menos coñecido que Palacios pero tamén mais comprometido coas ideas do rexionalismo. Dél dixo Alejandro de la Sota que foi o inventor da Arquitectura galega actual.

Manuel Gómez Román naceu en Vigo en 1976, fillo dun constructor vigués e irmán de arquitecto, vivíu desde pequeno o contacto direito co traballo nas obras e especialmente co dos canteiros de forma que na sua formación compartiu as leccións teóricas da Escola Superior de Arquitectura coas leccións prácticas deprendidas dos pedreiros e mestres de obras. Así, era corrente nas visitas ás obras velo co martelo, bufarda e maceta explicando cómo debia executarse o proxectado por él mismo.

Participou activamente nas actividades do rexionalismo o que non lle impediu viaxar por Europa e incluso residir certo tempo en Bos Aires coñecendo así a Arquitectura do momento. Ademais era un magnífico debuxante e gran coñecedor das artes da construcción, o que influiu na concepción da súa obra de forma decidida.

En outros aspectos, chegou incluso a ser Secretario Xeral (o último) do Partido Galeguista intervindo sobranceiramente nas campañas de esparexemento do galeguismo e de propaganda do Estatuto de Autonomía. Estivo ao frente, ademais, da sección de Ciencias Aplicadas do Seminario de Estudios Galegos, foi Vicepresidente da Editorial Galaxia e tamén Vicepresidente da Fundación Penzol, todo elo dentro da restauración da actividade cultural galega.

A sua mocidade coincidiu co tempo do modern style, do art nouveau, do jugendstil, do intento da modernidade, da novidade. E tamén do racionalismo ao que Gómez Román reaccionou cun certo afastamento, un tránsito do obxectivo ao subxectivo.

Cando encetou a súa tarefa como arquitecto, estaba convencido de que a orixinalidade debia basearse na tradición, no orde e no gosto, optando así pola liña histórica, polo axeitamento ao medio. Coñecedor da expresiva arte monumental de Galiza, tentou sempre desentrañar as esencias e os signos da súa continuidade tradicional. Admirábase principalmente do tino na adaptación ao ambiente e á paisaxe que tiveran os constructores do noso barroco, quen, sen se desviar, acadaron emocións novas.

As formas arquitectónicas de Gómez Román producíronse en función do home e en función da terra, ollando sempre o problema como o da relación da forma arquitectónica coa paisaxe galega. Todo eso xunto as preocupacions vitrubianas da Arquitectura, é dicir, utilidade, construcción e estética, ás que se engade o axeitamento ao medio ou entorno como xa dixemos (e como ocurre coas tradicionais construccións en Galiza).

As obras de Gómez Román concilian certa conciencia funcionalista coa súa sensibilidade persoal, de forma que procuraba nelas mais a presencia do home en vida e a súa psicoloxía que a  concepción abstracta da arte arquitectónica. O fin da súa obra parece encamiñarse á satisfacción humana, xa que non abonda unha orde lóxica a sangue frío, senón un intento de "humanizar" a Arquitectura, respondendo así á realidade dos seus días. Concibía a casa como un gran fogar con camariñas ao redor (lembremos que este é precisamente o esquema das pallozas primitivas, dos orixes). Na entrada un alpendre e fronte o poente ou mediodía, a solaina, ou o que é o mismo: a semente da Arquitectura galega (as pallozas) e os engadidos da evolución vernácula posterior (as solainas, soportais, etc), non dunha forma mimética senón reinterpretativa dos seus elementos.

Pero Gómez Román non só proxectou as suas ideas a través da obra construida. Tamén fixo multitud de arquitecturas de "papel": unha serie de bosquexos puramente teóricos nos que deixa desborda-la súa fantasía de creador, cheos de referencias historicistas, contidos grandiosos e impresionantes decoracións, sempre condicionados polas súas ansias de idealizar unha Arquitectura diferencialmente galega. En xeral adoitan ser bosquexos de soños arquitectónicos executados gracias ó seu grande dominio do debuxo, pero non son reflexo da súa práctica arquitectónica cotiá, nin definitorios do seu estilo, no que nunca tivo cabida o monumentalismo nin a linguaxe grandilocuente. Nas composicións idílicas de paisaxes urbanas está expresado o seu pensamento de mante-la continuidade coa tradición ainda que dunha forma menos sobria e contida que na sua obra construida.

Manuel Gómez Román (o "ensoñador de novas Compostelas" como o denominou Otero Pedrayo) morreu no 1964 en Vigo, sentíndose "viúdo da vida" pero dando o primeiro paso para definir a nova Arquitectura en Galiza.

Estos foron pois os primeiros pasos para a recuperación da memoria histórica, a semente dunha nova maneira de face-las cousas baseándose no pasado. Pero para chegar aos nosos días aínda faltaría integrar as novas ideas para xenerar unha Arquitectura de rasgos galegos pero adoptando tamén elementos das novas correntes, das novas ideas. A Arquitectura galega podría ser entón propia e ao tempo universal, e eso é o que trataremos no próximo capítulo: O Debate




Páxina creada por José Antonio Cidre Bardelás en maio de 1997

Última actualización ( Venres, 17 de Xuño do 2005 )
 
 


Visitas dende o 22/11/1997: 241664


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquil no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5

© 2008 O Sitio da Arquitectura Galega na Rede
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.