Dentro do contexto actual de trocos no ámbito de
xestión e goberno da Galiza semella que se van producir modificaciós
importantes na configuración das Consellerías de cara a (suponse)
conseguir unha meirande efectividade no traballo efectuado e proposto.
Semella nembargantes que a cousa no ámbito da planificación e/ou
ordeación territorial non vai variar moito en concepto, ainda que por
suposto haberá que agardar acontecementos pra facer unha valoración
contrastada. Polo momento divídense as responsabilidades de Vivenda e
as de Ordeación do Territorio en dúas Consellerías distintas, o cal
pode resultar en principio paradóxico ainda que tamén cabe recoñecer
que se a coordinación é boa quizáis remate resultando unha acción
positiva, por canto as decisiós non serán unilaterais.
Máis dudosa resulta a decisión (sempre falando das hipóteses que se
veñen dando na prensa istes días) de asigna-las responsabilidades de
dirección dos departamentos direitamente relacionados coa Arquitectura
na nosa Terra a xentes ben preparadas administrativa e políticamente
pero completamente carentes de recursos técnicos que pra mín son
imprescindibles
cara a facer unha boa política de ordeación do territorio e rematar coa
desfeita urbanística e arquitectónica na que se está a transformar o
País.
De feito, e por poñer un exemplo o propio
Faro de Vigo di:
"Manuel Pachi Vázquez, ex alcalde do
Carballiño e número un por Ourense, aparece como un dos nomes
sobor do que planean menos dúbidas. Tanto il coma Méndez Romeu ofrecen
perfís que lles permitirían poñerse ó fronte das carteiras de
Presidencia ou de Urbanismo e Ordeación do Territorio, nas que deben
prima-los recursos políticos por riba da capacidade técnica. No
caso de Pachi Vázquez -licenciado en Medicina- tiría unha terceira
opción: a de Sanidade".
Vamos, que pra Urbanismo serve calquera, mentres que noutras
Consellerías (Sanidade, por poñer un exemplo) sí precisan recursos
técnicos...
Está claro que a visión xeral é totalmente errónea. Se queremos un País
con futuro os traballos deben ser feitos, e ben feitos,
por profesionais competentes e non deixar nas maos de profanos cuestiós
claves polo simple feito de ser económicamente decisivas, influentes, e
o que é peor: posibles fontes de enriquecemento ilícito. De resultas as
cousas poden sair mal por duas cuestiós: deixación de funciós, e
descoñecemento da realidade, e non está a situación pra aumenta-las
"prácticas de risco".