|
Eu sempre defendín o papel primordial dos arquivos na definición das bases de calquer traballo, non só de restauración, senón tamén de creación pura. Finalmente semella que pouco a pouco a sociedade en xeral vai desterrando a idea dos arquivos como almacéns de papeis inúteis consumidores de recursos económicos e xeradores de discordia e preitos.
Lembro por exemplo que cando escribía fai xa tempo do Medio Ambiente como concepto no entorno construído dicía: "Aínda que evidentemente a laboura principal das Administracións é a de control dos procesos que poidan afectar á configuración dese Medio Ambiente do que vimos falando de xeito que eviten en todo momento actividades e intervencións que causen un “impacto ambiental” negativo, o método debería procurar mellor o convencemento denantes que o medo a unha política sancionadora, e para elo é imprescindible dotar ós técnicos e persoas relacionadas cos procesos de intervención con ferramentas e elementos que lles permita un estudio doado e unha resposta axeitada en cada situación. É dicir, hai que facer un traballo de clasificación e organización documental ben sexa de documentos orixinais, ou mellor aínda, de copias accesibles de xeito universal, sen importa-la orixe deles, de tal forma que tódolos concellos poidan ofrecer aquelas relacionadas co seu ámbito e historia. Pero non sería dabondo con ofrecer unha información localizada, senón que debe ser “universal” no máis amplo dos sensos, ou o que é o mesmo, facer uso das novas tecnoloxías que fan máis doado o intercambio de información (redes, bases de datos conectadas coa Internet, dixitalización dos documentos, etc.), ou en todo caso facilita-lo acceso ás fontes necesarias poñendo a disposición pública aquelas que teñan un difícil acceso (por estar en arquivos foráneos, ou por cuestións de propiedade, restriccións de “seguridade”, etc.), pero sempre garantindo a perfecta conservación dos orixinais, a consulta dos cales non é precisa máis que en casos excepcionais e podendo ser pragmaticamente substituídos por copias de boa calidade. O fin sería que calquer cidadán (non só os técnicos) tivese a oportunidade de acceder á información necesaria por calquer motivo (de intervención, modificación, ou simplemente por curiosidade) de xeito sinxelo e seguro tanto para el coma para os documentos consultados, fomentando así ó máximo a participación cidadá na configuración da súa cidade." O tema, pois, vai adquirindo pouco a pouco a importancia que ten, e, ollo!, sobre todo no ramo da Arquitectura, onde sen información non podemos ser coherentes. Non hai xenialidade sen traballo e a espectacularidade non é máis que unha gloria efímera. Interesante niste aspecto a nova de culturagalega.org . |