|
Catástrofe tras catástrofe, a realidade galega tanto no que se refire ó ámbito material coma ó inmaterial vaise difuminando dun xeito implacable non se sabe ben se cara á tan repetida 'globalización' ou cara a unha destrución e desaparición que só será recuperable mediante o uso de técnicas arqueolóxicas e o apoio de moita imaxinación.
E unha parte moi importante da desfeita está conformada polo ámbito arquitectónico en xeral. Un ámbito que cada vez está máis dividido (arquitectura, urbanismo, construción, etc.) e menos coordenado, o cal non beneficia precisamente á coherencia da definición do contorno no que timos que desenvolve-las nosas actividades, resultando do proceso unha serie de tensiós que non enriquecen as nosas vidas senón que as agreden creando problemas de diversos tipos e que acaban reflectíndose nunha serie de efectos secundarios que merman a nosa capacidade de benestar.
Pode semellar unha esaxeración pero está moi claro que cada vez máis xente procura evadirse da súa realidade e da súa vivenda habitual mediante a "fuxida" cara a unha segunda residencia ou outro contorno do que vive a cotío, e non é posible que sexa só unha cuestión de moda. E todo coincide, nembargantes, coa afirmación da xente dunha crecente estima polo entorno difuso de grandes centros comerciais, vías de comunicación interminables, mal emprazadas no territorio e únicamente definidas por intereses económicos (case xuros, máis que intereses), e vivendas micronizadas, ou no outro extremo, excesivamente compactas e concentradas (na denominación conxunta de "progreso"), e case sempre cunha mínima relación co emprazamento e ausencia total da idea de integración nun conxunto máis amplo.
O estado actual da Galiza é o dunha rotura do equilibrio tradicional e a imposición dunha serie de forzas, ás veces opostas e ás veces non, que fan moi difícil a súa conciliación e que, froito desa ausencia de equilibrio, rematan por destruilo todo: o material e o inmaterial. E as forzas que citamos non sempre son externas, pois adoitan producirse no interior, e son as máis destrutivas pois non só desfán o presente senón tamén o pasado e non dan lugar á esperanza pró futuro.
Pero dentro do pesisimismo sempre hai tempo pra reaccionar. O importante é recoñece-la existencia dos problemas e tentar procurar soluciós alternativas (as millores ou as menos malas) que permitan establece-lo equilibrio de forzas que tradicionalmente atopamos no territorio construido da Galiza. Non se trata de renunciar a nada, senón de conseguir que cada cousa ocupe o seu lugar e se acade unha potenciación entre características que puidesen estar contrapostas, é dicir de xerar sinerxias, sempre dirixindose á creación dun entorno agradable á xente, arquitectónicamente falando, por suposto, pero sen esquecer que se o medio ambiente social non está tamén en equilibrio é imposible a conservación pacífica da realidade, co cal o traballo non é só de arquitectura senón tamén doutras disciplinas e realidades cotiás comezando pola política.
Podemos pormenorizar, falar de escala, de mestura ou mosaicos de culturas e actividades, de revaloriza-la natureza e os espazos de ocio, de fomenta-los intercambios e transmisión de culturas xeracionais, etc. Trátase, logo, de voltar ser algo ó que referirse e do que poder partir.
Pouco a pouco tentaremos afondar no tema. |