|
A idea de facer comparanzas entre a práctica arquitectónica e a médica, especialmente no ámbito da ciruxía, non é nova nin á escala do que supón a proxectación urbanística nin nunha máis pequena a un nivel máis propio dos edificios. É evidente que as actuaciós arquitectónicas que se engloban niste concepto "médico" son as de rehabilitación, restauración, reordenación e demáis 're' que cualifican os procesos levados a cabo sempre sobor dunha realidade existente e proxectada previamente.
Os motivos que levan a intervir ou plantexar unha intervención en algo xa existente e normalmente consolidado son diversos pero básicamente pódense dividir en dous grupos: un relacionado co troco de usos (por diversas causas) e o outro cunha planificación ou proxectación non axeitada prá solución dos problemas previos a resolver coa proposta levada a cabo. No primeiro grupo as soluciós son máis doadas e poderíanse asimilar a certas terapias sinxelas ou pouco agresivas (a acupuntura) co obxeto de recuperar un certo equilibrio de forzas (non é a primeira vez que falamos disto) e unha redistribución dos novos usos de forma que se adapten millor ós espazos existentes. Un paso máis suporía o uso da "microciruxía" (de tamaño en relación co da zona na que se intervén) que daría resposta a desaxustes por trocos ou evolución dos usos pero que entraría tamén no ámbito do segundo grupo, o da deficiencia ou erros na concepción da proposta materializada. E xa no límite, habería que falar da "ciruxía xeral" e "trasplantes", e as veces a "extirpación" do elemento arquitectónico por ausencia total doutras soluciós.
Está claro que as tentativas deben ir sempre na procura das técnicas menos intrusivas e agresivas, e ás veces a solución non está no corpo a tratar senón no seu entorno (sempre que se poida modificar, claro, o cal é máis doado en Arquitectura que na Medicina certamente), e esa é unha posibilidade que esquecemos de cote.
Así, a "microciruxía arquitectónica" xunto cun tratamento do contorno utilízase en moitos casos como solución de casos graves de conflitos urbás e arquitectónicos, resultando soluciós asequibles económicamente e pouco traumáticas pró organismo reformado, mentres que a "acupuntura" adoita ser insuficiente na meirande parte dos casos cun mínimo de trascendencia.
Todo isto ven a conto do caso da Cidade da (in)Cultura que ven sendo paradigmático do 'curar no canto de previr', e agora o último seica é preguntarse se coa acupuntura vai sana-lo enfermo.
Non deixa de ser curioso que queiran procurar unha solución miragreira que encha de contido un espazo autonomeado Cidade da Cultura... Que Cultura? a da Galiza que se vai chuchando e desaparecendo nun proceso de autofagotización alarmante (de aí que lle antepoña o prefixo 'in' cada vez que falo do nome do complexo "omnitemático" do monte Gaiás). Obviando iste punto resulta que a cuestión agora é coñecer se unha operación de acupuntura arquitectónica pode soluciona-lo problema, e semella que nesa liña estase a traballar.
Pero o problema da Cidade da (in)Cultura é grave. É un corpo extrano nun emprazamento co que non dialoga senón que tenta someter pero que tampouco o consegue (eu penso que se estivese no medio de Estocolmo pouco diferente sería do que hai agora), un elemento sen contido, de disputa e de egocentrismo dunha persoaxe política e doutra arquitectónica, sen significado pero con aparenza de grande espectáculo (e cunha forma arquitectónica suxerente, non podemos negalo) e, sobre todo, cunha inversión económica desmesurada en relación coa realidade do proxecto co que non queda outra que seguir co camiño do millor xeito posible. E ó parecer, o millor xeito é a redefinición do programa museístico-arquitectónico definindo dunha vez que raio vai se-la Cidade (da Cultura? do Teatro? dos Lumes?), e por iso cóntase co traballo dun 'consello asesor' onde, polo que sei, non hai nin un só arquitecto/a. Imos ben, logo... Poderase reface-lo interior da Cidade darlle un contido programático pero, se non se soluciona a súa relación co entorno axeitando a súa implantación, non tiremos máis ca un elemento illado de todo que non vai funcionar por falla do elemento principal: un público, unha xente que o use e o demande. E iso debería ser tamén unha tarefa arquitectónica.
Pra rematar logo, podemos dicir que a solución da Cidade da (in)Cultura pasa tamén polo axeitamento do enfermo ó seu entorno (que respire, se comunique e poida alimentarse, senón morrerá indefectiblemente co paso do tempo) e o uso dunha idea consistente que lle dea orde e afouteza e que lle permita fuxir de caprichos coma o da ubicación no complexo das torres de John Hejduk proxectadas no seu momento pra seren construidas no Parque de Belvís e que o propio autor da Cidade xustificou así:
“Hejduk era católico e escribiu un libro de poemas sobre Santiago. Na portada tiña as dúas torres as cales ían ser construídas nun xardín nun proxecto anterior. Pero estas torres son moi pequenas pra seren utilizadas a pesares de que Hejduk pretendese que fosen destinadas pra algún tipo de investigación agrícola. Pra il representaban a igrexa sen o corpo, sen a nave. Se se mira dende a ladeira do monte pódese apreciar coma estas dúas torres enmarcan a catedral. Hejduk foi un amigo e un mestre, e denantes da súa morte prometinlle que construiría esas dúas torres. Conteille a Manuel Fraga esta historia, e díxenlle que o más importante, como promesa a iste home que tiña un profundo sentimento por Santiago, era construir as dúas torres o primeiro, por medo a que se esgotase o orzamento e non se realizasen. Isto foi un xesto simbólico deica un amigo. É unha peza relixiosa nun lugar laico, non ten que ver coa miña teoría.”
Traducindo: as dúas torres son unha homenaxe a un amigo persoal do arquitecto da Cidade pagado cos cartos de tódolos galegos e galegas. O seu interese polo resto? Cadaquén que tire as súas conclusiós.
En resumo. Se queremos comparar (como fixeron en algún sitio) co Parlamento de Edimburgo, o Guggenheim de Bilbao, a ampliación do Estadio Olímpico de Berlín ou a Cidade das Artes de Valencia haberá primeiro que definir o seu significado, a representatividade, a relación co entorno e accesibilidade e por suposto (niso xa están, parece) os seus contidos e actividades. Cando todo isto sexa unha realidade poderemos falar de semellanzas, pero namentres seguirá sendo a Cidade da (in)Cultura e da confusión. Queda moito tratamento e ciruxía que facer.
|