|
Timos visto adoito como prolifera a realización de estudos e análises urbanísticas en diversos lugares tomando como base realidades e emprazamentos variados e tirando conclusiós máis ou menos semellantes, relacionadas coa deshumanización das cidades, os problemas psíquicos das densidades excesivas e dun nivel de esixencia de cumprimento temporal moi estricto, etc. Na Galiza tamén se ten falado nalgunha ocasión da organización territorial da Arquitectura, pero semella que tódalas conclusiós rematan no afortalamento dunha verba un tanto arbitraria: o "feísmo". Pero realmente podemos dicir que o problema da Arquitectura e da organización territorial sexa únicamente a súa "fealdade"? Qué podemos considerar "feo"? Está claro que a denominación está moi extendida pero que o concepto é totalmente subxetivo e por tanto inxustificable (tal e como dende algunhas instancia se pretende) como causa directa da desorde e dexeneración do entorno galego. É "feo" un conxunto de edificios pola súa cor?, polos seus materiais?, pola súa forma?. Non é certo que o que a unha persoa lle parece "feo" a outra pódelle parecer fermoso? E mesmo un ente horrible visualmente (segundo criterios superficiais) pode ser perfectamente un exemplo de integración ou proporciós axeitadas (a canta xente non lle gostan os insectos e, nembargantes, admiran a súa perfección?, por poñer un exemplo). Está claro, entón, que o problema está nun punto máis obxetivo e profundo, nunha cuestión de desequilibrio de forzas que xeran elementos erixidos en corpos fóra de sitio e completamente desproporcionados, que medraron sen atender ós seus condicionantes externos e que por iso non teñen relación co seu emprazamento, nin entre si.
No intre de centrarse na análise podemos ou, máis ben, debemos fixar unha escala. É común illa-lo edificio e falar dil coma se fose algo independente, sen relaciós, sen condicionantes, xerador de realidades... aínda que normalmente non é así, xa que mesmo os exemplos máis senlleiros nacen da sumisión a unhos determinantes concretos que adoitan partir das preexistencias, sexan naturais ou artificiais. Pero, que ocorre se a escala é máis amplia? Pois que vemos que os problemas de relación entre os diversos elementos xeran tensiós. Os problemas do "feismo" en moitas ocasiós sonche a nivel urbanístico, de escala, ubicación, etc. Problemas que rematan creando un organismo superior fanado ou "enfermo" xa que carece de órganos precisos ou ten problemas de hipertrofia ou atrofia noutros que si están presentes.
Todo iso leva a centrarse nun ámbito territorial máis ou menos amplio, nunha certa disciplina urbanística a grande escala onde o edificio é "unha célula" e onde, nunha concepción certamente organicista, podemos definir diversos órganos que deben cumprir unhas funciós determinadas mediante a configuración axeitada dos mesmos. Pero non só órganos, senón tamén "corpos", habitualmente definidos coma cidades ou agrupaciós urbás e aldeas ou agrupaciós rurais, sen esquece-las edificaciós illadas punto central de territorios e herdeiras das vilas agrícolas romás e similares.
Na Galiza a distinción entre rural e urbano non está clara, nin agora nin tradicionalmente, e máis aínda se consideramos a existencia dun espazo "rurbano" de dificultosa definición. As soluciós de continuidade non existen, e moitas veces as tipoloxías son comús, causando problemas de funcionamento por cuestiós de falla de relación co sitio, pero tamén entre as distintas "células" e órganos que crean esa ordeación. Por iso semella totalmente necesaria a coordinación entre diferentes técnicos, escalas, elementos e tamén a nivel de xestión política, de forma que resultaría imprescindible a cooperación diaria e estreita entre responsables de ordeación do territorio, xestión de vivenda, control do medio rural, medio ambiente... Un desexo?, unha realidade?. Verémolo co paso do tempo, pero a verdade está na responsabilidade certa dos que están creando ou permitindo a estrutura do territorio galego.
Está claro que hai que analizar máis o xa feito a traverso do tempo e o máis recente, estuda-las diversas posibilidades e os seus efectos positivos e negativos. Hai que analizar procurando as causas e definindo os efectos, pero tamén hai que traballar baseándonos no que todo o mundo sabe xa, e está moi claro que o camiño actual non parece moi ben trazado, e todos e todas somos responsables da súa evolución. |