|
Manifestación contra a degradación do territorio galego |
|
|
|
|
Domingo, 15 de Abril do 2007 |
|
Recibimos esta comunicación vía correo electrónico fai unhos días: 6 de Maio 31.03.07 A práctica totalidade de organizacións ecoloxistas galegas decidimos convocar unha manifestación o día 6 de maio en Santiago de Compostela. Despois dunha xuntanza celebrada nesta mesma cidade, os grupos participantes acordamos por unanimidade - dous destes colectivos deben someter aos seus órganos de dirección esta decisión - chamar á cidadanía a unha manifestación que sirva para amosar a nosa repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza á propia identidade de Galiza. Outros grupos que escusaron a súa asistencia, amosaron o seu apoio ás decisións tomadas.
Coincidíuse na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia dada o estado de deterioración na se atopa o territorio galego, tanto o litoral como o interior. Se o primeiro está ameazado pola construción e as piscifactorias, non o está menos o interior, que sufre a espoliación do Courel e da Terra Cha. Sen esquecer a deterioración dos cascos históricos, a destrución do patrimonio arquitectónico, a desaparición dos espazos públicos e zonas verdes, e a edificación masiva que aporta especulación e depredación da paisaxe. Existe unha grande sensibilidade social sobre as consecuencias irreversibeis que acarrea o descontrol das actuacións urbanísticas e a impunidade dos empresarios e alcaldes que os apoian. Temos agora a posibilidade de poñer freo á cementación de Galiza, de salvagardar o noso patrimonio natural, que é o mesmo que dicir o noso futuro.
|